Casco Urbano

Ponteareas convida a perderse polas súas rúas. Prepárate para desfrutar de parques e prazas, de zonas peonís e comerciais onde os camiñantes son os protagonistas. A distribución amable e concentrada do municipio permite percorrela a pé sen dificultade, nun paseo agradable sen moitas costas e no que podes parar a descansar nalgún dos seus espazos verdes e de ocio.

No discorrer do teu camiño, a Casa Consistorial aparecerá diante de ti maxestosa dándoche a benvida ao centro do municipio. Pasea polos seus xardíns frondosos, con bancos e numerosas sombras para gozar do aire fresco nos calorosos días de verán. Alí atoparás un busto de pedra dun dos persoeiros ilustres de Ponteareas, o compositor Reveriano Soutoullo, que levou o nome do noso concello por medio mundo como referente da música clásica. Ao seu carón, está a escultura dedicada a Gabino Bugallal Araujo, II Conde de Bugallal, o político ponteareán que foi varias veces ministro da coroa e presidente das Cortes.

Outro dos puntos que tes que visitar é a Praza de Bugallal dende onde contemplarás a Igrexa parroquial de San Miguel.

Se continúas o teu camiño pola rúa Oriente, chegarás á casa da familia Troncoso, un edificio modernista de 1885 que aínda conserva a entrada de carruaxes. Este edificio é un dos construídos na segunda metade do século XIX, cando Ponteareas xorde como concello. Segue por esa rúa e chegarás á Praza Maior, un espazo de ocio, amplo e con zonas verdes, rodeado de terrazas onde tomar algo mentres desfrutas dun ambiente tranquilo en pleno centro.

Parada obrigada é a Praza da Música onde se localiza o Auditorio Municipal Reveriano Soutullo. Camiñando pola rúa Fernández de Vega chegarás ao Conservatorio de Música, situado nun edificio de especial interese, ao igual que o Museo Municipal, moi preto desta localización e que tamén alberga a Biblioteca.

Remata o teu paseo na Parque de San Roque, unha paraxe privilexiada coroada pola ponte románica dos Remedios e a praia fluvial.