Castelo de Sobroso

A historia síntese cando pos un pé no Castelo de Sobroso. As  súas pedras fálanche dos avatares que viviron dende a época medieval: escenario de guerras, refuxio e lugar de reclusión para algunha das figuras máis importantes da historia galega que agora podes coñecer grazas ás visitas teatralizadas que organizan.

A súa fermosura alzase sobre unha das ladeiras do monte Landín, rodeado de carballos e piñeiros que noutra hora foron as sobreiras que lle deron nome ao Castelo. Un lugar idílico que os castrexos tamén escolleron como asentamento.

A panorámica da fortaleza é inmellorable mentres te achegas pola N-120 (Estrada Logroño-Vigo). O castelo, a torre e o forte eríxense en tres estruturas de diferentes alturas sobrepostas unhas a outras.

Se camiñas cara o alto da torre, a uns 334 metros, os teus ollos alcanzarán a ver todo o val verde e salvaxe. Verdor espeso e mesto, só interrompido por algunha vivenda. Esa é a mesma visión estratéxica que na época medieval lles servía a reis e nobres para controlar as comunicacións entre o interior, o mar e a cidade de Tui.

Atrévete a perderte

Pérdete, sen présa, polas súas estancias e corredores que aínda conservan nalgúns tramos o trazado primitivo do século XII. A robustez da pedra esténdese ao longo do muro exterior que foi construído moi preto do edificio principal para salvagardalo. Muros altos e rexos, baixo os que se refuxiaban os habitantes do lugar dos ataques dos invasores.

No interior do castelo, atoparás a planta baixa, que noutra hora eran as dependencias do corpo de agarda. Aínda podes ver dúas troneiras defensivas. A propia edificación convídate a seguir subindo por unhas escaleiras estreitas que chegan ata a primeira planta onde están as habitacións. Se continúas ascendendo, atoparás a torre da homenaxe. Trece metros de alto que protexían o único punto débil da fortaleza, o lugar por onde podía ser atacado. Dende ese punto poderás comprobar a grandeza do Castelo de Sobroso.

castelo_de_sobroso_04
castelo_de_sobroso_03
castelo_de_sobroso_02
castelo_de_sobroso_05
castelo_de_sobroso_06

VEN A VISITAR O CASTELO DE SOBROSO!

A historia que agochan as seus muros

Entre as súas paredes residiron reis e nobres que deixaron a súa pegada en cada una das súas rochas:

  • Bermudo II refuxiuse no século IX no castelo durante a batalla de Portela Arenaria
  • Alamanzor, en tempos de Afonso V, conquistouno e saqueouno.
  • Dona Urraca, a primoxénita do rei Fernado I, foi recluída entre as súas paredes despois do seu segundo matrimonio con Afonso I de Aragón. Pero a infanta de León conseguía fuxir a través dun pasadizo ata o río Tea.
  • O Castelo de Sobroso foi pasando polas mans de distintas familias nobres dende o século XIII: dende a familia Soberoso a Pedro Ruíz Sarmiento.

Unha pegada que se converteu case en fatal na revolta “irmandiña”. O castelo non resistiu e quedou practicamente  destruído. Pero volveu converterse nun baluarte estratéxico grazas a Pedro Álvarez de Soutomaior “Pedro Madruga” e, anos despois, García Sarmiento, que se encargarán da súa reconstrución.

Na Idade Moderna a fortaleza de Sobroso deixou de ter interese militar e foi perdendo valor, deteriorándose con paso dos anos ata que en 1923 Alejo Carrera Muñoz o merca e restaura. Un traballos que continuou dende 1981 o Concello de Ponteareas.

O Parque forestal, un descanso para ti

Descobre o bosque de Sobroso, onde a natureza reivindica a súa beleza entre carballos, castiñeiros, sobreiras, sanguiños e érbedos. Máis de corenta especies diferentes que dan vida a un xardín botánico onde atoparás zonas recreativas, lugares de interese paisaxístico, ruínas medievais e fauna en semiliberdade.

Pon o teu calzado máis cómodo e prepárate para esquecerte de todo nesta paraxe de máis de 30 hectáreas de parque forestal na que atoparás pequenos vestixios do noso patrimonio etnográfico e cultural como hórreos, pombais, fontes, vitorias quebradas, pedra da auga, pías e estanques. Camiña cos ollos ben abertos para contemplar os mananciais, as sobreiras de máis de douscentos anos, os breixos cor púrpura, a auga acariñando as rochas da ladeira, o bater das follas e o renxer dos paus baixo os teus pés.