Castro de Troña

Un dos lugares con máis historia de Ponteareas é o castro de Troña, situado na parroquia de Pías, no monte chamado do Doce Nome de Xesús. Percibirás a súa peculiaridade nada máis chegar ao seu recinto oval pola variedade das construcións e polas dimensións. A orixe deste asentamento sitúase no século VI a.C. e permaneceu en funcionamento ata o século II d.C., con varios momentos de ocupación.

Son 30 as construcións castrexas escavadas e entre elas atoparás todos os tipos de edificacións propias destes poboados: de planta circular, elíptica, cadrada e rectangular. Fíxate nas diferentes modalidades de vestíbulos que presentan algunhas vivendas o que dá mostra da riqueza deste castro. Unhas características que lle valeu ser declarado Ben de Interese Cultural no ano 2009.

CASTRO DE TROÑA

Foron moitos os materiais arqueolóxicos atopados neste recinto, dende cerámicas indíxenas, alfinetes, ánforas e moedas de bronce romanas, colgantes, pías para o gando e outros elementos que presentan unha minuciosa decoración. Camiña entre eles e fíxate no petróglifo que representa unha serpe en posición heráldica, que está gravado na rocha dunha das construcións. Conta a lenda que a serpe baixaba ao pobo todos os días e roubaba para comer unha besta, os veciños fartos de ver como desaparecían as súas reses decidiron meterlle a unha delas un nobelo dentro e ofrecerlla á serpe. Cando comeu o animal os veciños conseguiron tirar do fío e capturar ao animal que enterraron no adro da ermida do Doce Nome, situada ao carón do castro, e onde hoxe se atopa un crucifixo.

O poboado castrexo presenta un complexo sistema defensivo o que reflicte a importancia que tiña na época. Foxo, parapeto e dous lenzos de murallas que pechaban completamente o recinto. Outra das singularidades do castro é o reforzo ou torreón que verás na primeira muralla, un dos poucos exemplares que se coñecen deste tipo no noroeste peninsular.

A cultura castrexa

No Noroeste ibérico vai rematando a Idade de Bronce (S. IX-VIII a. C.) e mentres os pobos manteñen relacións con outras culturas atlánticas e centroeuropeas, xorden novos contactos coa cultura de Hallstatt (Centroeuropea) e novas influencias mediterráneas. Sobre esta base diversa orixínase a Cultura Castrexa.

Os asentamentos proporcionan grande información sobre a economía, arte, organización socio-política ou relixión. Declarado Ben de Interese Cultural, a forma oval deste castro cristianizado, con construcións de plantas circulares, cadradas, rectangulares ou elípticas, reficten diversas fases de construcción; vestixios de ladeiras; vestíbulos variados; muralla, foxo e parapetos; torre ou abondosos achados tales coma fíbulas, muíños naviculares, moedas de bronce, fragmentos de ánforas, corroboran a densidade poboacional do Castro de Troña, un belo exemplo que nos introduce na vila cotiá da cultura castrexa entre o S. VI a.C. e o S. II d.C.

Os petróglifos

Estas insculturas gravadas ao ar libre sobre a rocha e espalladas por todo o planeta desde o Paleolítico Superior ate o século pasad, son símbolos previos á escritura.

Os petróglifos galegos, datados na Idade dos Metais (Cobre e Bronce) no III-II milenio a.C., constitúen un dos referentes europeos máis interesantes e conforman o Grupo Galaico de Arte Rupestre.

As formas xeométricas son as máis comúns e así aparecen círculos concéntricos, espirais, labirintos e coviñas cuxa interpretación aínda hoxe é incerta. As formas naturalistas priman a cérvidoos, cabalos, escenas de caza… Entre elas, escasa, a controvertida figura da serpe. Petróglifo relevante dada a escaseza deste motivo no Grupo Galaico, A Serpe de Troña, aparece en posición heráldica, no lateral dunha rocha-ara con canle central superior. Fecundidade? Inmortalidade? Saúde? Sabedoría? As mitoloxías ofrecen múltiples interpretacións.