Convento San Diego de Canedo

Unha das representacións máis salientables do Barroco en Ponteareas atoparalo no Convento San Diego de Canedo, promovido pola orde franciscana e construído entre os anos 1715 e 1784. O edificio sufriu os avatares das loitas entre as familias nobres da comarca do Condado, os Soutomaior e os Sarmiento. Nel naceu Agustina Sarmiento, unha das meninas do cadro de Velázquez. Un edificio rexo, de liñas sobrias e poucos adornos que foi cedido á orde franciscana en 1715 polo Conde de Salvaterra para transformalo de pazo a convento.

Cando chegas a Canedo chama a atención as dimensións do conxunto, formado por unha igrexa pegada ao edificio residencial. O convento é unha construción de planta cuadrangular moi austera que está estruturada ao redor dun claustro central proxectado no século XVIII pero que sufriu unha gran reforma no século seguinte.

CONVENTO SAN DIEGO DE CANEDO

Contempla con detemento a igrexa, porque se te fixas, verás que ten forma de cruz e tres naves, con cúpula semiesférica sobre o cruceiro. Unha das peculiaridade arquitectónica de gran complexidade que aparece en moi poucas ocasións nas igrexas das dioceses de Tui. Foi construída en 1777 e presenta planta de cruz latina e tres bóvedas de canón. Posúe un cruceiro de planta cadrada con cúpula esférica con lanternas sobre pechinas. Continúa camiñando e entra no edificio. Non deixes de ver cara arriba, porque alí destaca a nave principal organizada en tramos e cuberta por nervaduras que conclúen nunha clave central e unha talla barroca de Cristo.

Do primeiro edificio do século XVI aínda se conservan as pedras dalgunhas paredes e a porta principal que serve de entrada á casa conventual. Se botas unha ollada aos muros do edificio descubrirás os Escudos das casas Sarmiento e Soutomaior. Pasea polo seus arredores e párate a contemplar as vistas que dende este punto hai do casco urbano, déixate invadir pola paz que se sinte neste lugar a poucos metros da vila.