Ponteareas é ... Corpus

Documental “As mans do Corpus”

Alejandro Porto

Ana Fernández

Iago Carrera

Julio González

Pilar S. Garra

Trailer do documental

Descubre a galería de imaxes do documental

Ponteareas é arte en flor. O arrecendo das hortensias, das rosas e camelias, o fiúncho e as cocas de eucalipto, a forza do aroma da natureza e a vida enchen a vila pola festividade do Corpus Christi. Unha celebración que une a veciñanza nun sentimento colectivo de colaboración para crear verdadeiras obras de arte que se perciben polos cinco sentidos.

Máis de vinte alfombras enchen un quilómetro do casco urbano da vila o domingo do Corpus logo de semanas de preparación. Porque a festa non só é un día do mes de xuño senón que se vive e sinte durante máis dun mes nas rúas e portais da vila, onde a rapazada e os que non o son tanto esfollan e preparan as flores e o verde que será empregados na elaboración dos tapices na tarde noite previa ao día grande. Uns traballos que bañan ao municipio nun recendo intenso e que propicia un ambiente de alegría que percibirás nada máis chegar ao casco urbano (enlace casco urbano). Unhas sensacións que se intensifican coa chegada da procesión. A emoción síntese co son dos pés pisando as flores e as follas, o aroma que emerxe do chan, os pétalos que caen dende os balcóns acariñando a túa cara, o bater dos tambores e o lixeiro rumor da xente dos redores, centos de formas engaiolan a túa vista e a beleza da mestura de cores estimula a túa imaxinación. O tempo párase nese intre. É o momento de gozar.

Arte efémera

Fíxate nos deseños, nas figuras que presenta cada un dos tapices. Recreacións de escenas relixiosas, naturais e xeométricas que as converten en cadros propios dos artistas máis prestixiosos. Pero non penses que sempre foron así. As alfombras evolucionaron moito dende os seus inicios ata chegar aos deseños elaborados ao detalle que se plasman na actualidade nos tapices. Dos pétalos que cubrían o chan sen ningún criterio chegouse aos deseños de hoxe en día que agochan detrás un traballo de meses de documentación, deseño do patrón, simulación nun papel a tamaño natural e finalmente a súa elaboración sobre o firme das rúas.

Un traballo que cada ano é recoñecido coas Medallas de prata coas que se pon en valor o labor anónimo e altruísta que fan as ducias de persoas implicadas na elaboración dos tapices. Unha implicación que se vai renovando ano a ano e que supón a participación de toda a veciñanza de Ponteareas, dende a rapazada aos maiores da casa. Un traballo que se homenaxea nun acto anual fronte ao monumento das alfombristas.

Un pouco de historia

Esta é unha tradición que vén de lonxe e que se fixo ano tras ano sen fallar un. Só a pandemia foi quen de frear a elaboración das alfombras en 2020 o único ano no que Ponteareas non se vestiu de pétalos de flor.

Malia que non está clara a orixe, na Idade Media a creación de alfombras florais era común en Galicia. Na segunda metade do século XIX xa se adornaban as nosas rúas con flores e plantas por onde pasaba a procesión aínda que daquela non se facían debuxos. Con todo, a voz popular sitúa a orixe nos veciños da coñecida como “Rúa de Abaixo” ou rúa Real. Dende este lugar esta práctica estendeuse a outras zonas da vila.

Nas primeiras décadas do século XX aparecen os primeiros debuxos que tamén eran feitos pola veciñanza, que semanas antes saían aos montes, campos e xardíns, na busca de buxo, mimosa, árnica e outras plantas propias da zona. A partir do ano 1947 a festa do Corpus comeza unha nova etapa e unha comisión de festas encárgase da organización. Comeza a difusión desta tradición que cada ano incrementaba a sona e o número de visitantes.

O prestixio da festividade crece e chegan os recoñecementos. Entre eles a declaración de festa de “Interese Turístico Nacional” en 1968 e en 2009 a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. Os premios levan as alfombristas a levar a súa arte a outras partes do mundo así os tapices florais de Ponteareas estarán tamén en Caracas, Sevilla, Bos Aires ou Bahía. A fermosura das nosas alfombras tamén sorprenderon a Papas, porque os nosos tapices chegaron á Praza de Santa Ana no Vaticano e recibiron ao Papa Xoán Paulo II na súa primeira visita a España en Santiago de Compostela no ano 83 ou ao Papa Bieito XVI en 2010 polo ano Xacobeo.

Unha arte efémera que tamén nos levou a crear vínculos con outros pobos e rexións. Así Ponteareas é pobo irmán da vila tinerfeña de Orotava e do municipio luso de Monçao.

MUSEO DO CORPUS A CEO ABERTO

logo_museo_corpus_ceo_aberto

Sentir o arrecendo das flores, gozar do colorido das alfombras e sorprenderte coa orixinalidade dos seus debuxos e formas non é só cousa dun día ao ano en Ponteareas. Podes vivilo en calquera momento grazas ao “Museo do Corpus a Ceo Aberto” un percorrido experiencial que te leva a visitar os tramos por onde pasa a procesión do Corpus e ver os tapices florais que alí se fan. O camiño comeza na Praza de Bugallal e continúa por algunhas das principais rúas do casco urbano, como a rúa de Oriente ou a Praza Maior para rematar na Avenida da Constitución. Así, ademais de ver as alfombras florais tamén podes aproveitar para visitar algúns dos puntos de interese turístico do noso concello.

Son 19 paradas, ao longo dun quilómetro de percorrido, onde atoparás un código QR para escanear que che abrirá unha fiestra a vivir a festa do Corpus e aos 22 tramos que a compoñen con recreación das alfombras florais desa rúa, cos tapices de anos anteriores a través de 320 imaxes de detalle de cada unha das figuras, reconstrucións 360º, referencias históricas sobre a celebración, entrevistas, vídeos e outros datos de interese sobre a elaboración e celebración que te axudaran a comprender a importancia que ten esta celebración para nós. Unha arte efémera que cobra eternidade grazas a esta aplicación dixital de fácil manexo e para a que só e necesario dispor dun teléfono móbil.

Prepárate para vivir unha inmersión nesta celebración popular recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional na que todas as veciñas e veciños participan nunha tradición que vai pasando de xeración en xeración e que ten o seu piar na paixón que cada ano as e os alfombristas poñen na súa creación que é froito do traballo colectivo dun pobo que ten recoñecemento a nivel internacional.