Cruceiros

A xeografía de Ponteareas está chea de arquitectura popular. Se fas un percorrido polas principais parroquias do municipio atoparás en cada unha delas diversos exemplos de cruceiros, símbolo da devoción popular que remataron converténdose en identidade do noso territorio e de toda Galicia. Estes monumentos de pedra sitúanse en cruzamentos de camiños, preto de ermidas, igrexas ou cemiterios. A súa función era a de protexer aos camiñantes e guialos no seu percorrido.

Malia que a estrutura é a mesma en todos os casos, unha cruz sobre unha base de pedra, cada un ten as súas peculiaridades. Así, atoparás cruceiros máis elaborados que representan escenas relixiosas con figuras humanas, animais e naturais, con adornos moi elaborados e traballados e outros máis sobrios e sinxelos onde só se representa a figura dun Santo, Virxe ou Cristo, xunto a algún motivo da natureza.

Son moitos e moi variados os nosos cruceiros. Déixate sorprender polos que vaias atopando no teu camiño, pero fai por visitar o “Cruceiro de Fortes”, coñecido entre a veciñanza como “Cruceiro das Cachadas” por situarse no barrio do mesmo nome na fachada da casa de labranza da familia Fortes. É obra dun dos canteiros e escultores galegos de maior prestixio, José Cerviño García, que residiu en Ponteareas preto de vinte anos.

Obsérvao con detemento e non perdas detalle desta obra de 1.890 que representa o descendemento ou desencravado de Cristo. A figura central é Xesús, morto, que está sendo baixado da cruz. Dous homes están subidos nunha escaleira para baixar o corpo ata as mans de San Xoán, quen ao pé da estrutura toma as súas pernas. Completan a talla a Virxe María e María Magdalena xunto a dous anxos.