Igrexa de Santa Mariña de Pías

Este templo, dedicado a Santa Mariña, virxe e mártir galega, iniciou a súa construción cara ao ano 1671, aínda que a última reforma é do ano 1800, data que figura no seu frontispicio.

Século XVII

A súa planta é de cruz latina, cunha soa nave e tres capelas.

A fachada principal é de estilo neoclásico, con arco de medio punto enmarcado por pilastras acanaladas. No eixe central, torre con tambor e cúpula ortogonal. Sobre a porta destaca unha fornela rectangular de gusto barroco que acolle unha imaxe pétrea de Santa Bárbara. Sobre ela un espello, tamén en granito, no que figura a data de construción do frontispicio e, máis arriba, destaca un reloxo de sol que se sitúa nun chafrán orientado ao suroeste.

A capela sur está dedicada a San Bieito, de gran devoción en toda a comarca. Aparece cuberta cunha bóveda de cruzaría de catro nervios que se unen nunha clave decorada cunha mitra abacial. Tivo un retablo, tallado no ano 1772, que ardeu en 1987.

No interior do templo, a planta rectangular cóbrese con bóveda de canón e arco de medio punto rebaixado. Tamén destaca o cruceiro como prolongación da nave central. As capelas laterais foron cubertas con bóveda de canón e bóveda de cruzaría, respectivamente. Sobresaen tamén no interior do templo varios retablos barrocos (un na honra de San Bieito, de 1774), así como unhas pinturas murais con tres escenas da Paixón de Cristo que datan da mesma época.

igrexa_santa_marina_de_pias_3a

A Casa Reitoral

Construída en 1781, é un das máis destacadas da bisbarra, con planta en forma de escuadra e un torreón no ángulo norte da edificación principal. Na súa fachada loce unha escaleira de granito e un escudo nobiliario. A mediados do século XIX o seu párroco tiña un igrexario de “20 ferrados de pan en semente, e máis outros décimos”, o que equivale a 1 hectárea aproximadamente.

igrexa_santa_marina_de_pias_cruceiro

O Cruceiro

Consta de tres chanzos e unha base cadrada coas arestas rebaixadas. Na base aparece unha inscrición que data de 1781 que di o seguinte:
“ESTA CRUZ MD AZER/AÑO DE 1781/A SU COSTA/CARBALLIDO PROCURADOR GENERAL”.

Sobre ela o varal con forma octogonal que remata un collarino. O capitel está decorado con volutas e querubíns nos seus catro lados. A cruz é de tipo latina no que aparecen as figuras de Cristo crucificado polo anverso, e no reverso unha figura feminina que alude a unha imaxe mariana cunha daga cravada no peito.