Museos

Museo Municipal

Para mergullarte na orixe e evolución de Ponteareas, tes que achegarte ao Museo Municipal, localizado nunha antiga fábrica de curtidos. Alí protagonizarás unha viaxe no tempo dende o Paleolítico ata a actualidade. Atoparás pezas de especial singularidade como materiais procedentes do xacemento arqueolóxico do Castro de Troña, ou unha gran pila bautismal da época medieval pertencente ao estilo románico. Non te perdas o petróglifo de Chan da Gándara na que se poden ver á perfección os debuxos gravos así como unha pequena colección de bronces da época romana do Castro do Coto de Altamira en Taboexa.

Coñecerás tamén a persoeiros importantes da vida política, social e cultural que naceron no concello, como o músico Reveriano Soutullo, o artista Vidalés Tomé, os escritores Manuel Domínguez Benavides ou Fermín Bouza Brey, ademais de figuras da política como Amado Garra Castellanzuelo ou Gabino Bugallal.

Tamén achegaraste á festa máis importante de Ponteareas: o Corpus Christi e as alfombras florais, sinal de identidade colectiva da nosa vila que podes coñecer en profundidade á vez que desfrutas dun agradable paseo polo casco urbano no “Museo do Corpus a Ceo Aberto”.

CITEA (Centro de Interpretación do Tea)

Este é un museo vivo, onde sentiras o frío da auga, a brisa do aire, o arrecendo das árbores e das flores porque o museo é ao aire libre. O seu protagonista é o Tea, o principal río de Ponteareas e da comarca do Condado. Cincuenta quilómetros de percorrido que van desembocar ao Miño. No súa traxectoria vai deseñando o noso territorio e enchendo de vida o seu paso. O valor ecolóxico da súa flora e fauna fixo que entrase a formar parte da Rede Natura 2000 e que sexa considerado Lugar de Importancia Comunitaria.

Para coñecer toda a vida que alberga e xera, nada mellor que achegarse ata a casa cultural de Fozara onde está situado o Centro de Interpretación do Río Tea, que organiza visitas guiadas os martes ou xoves, previa inscrición. Atoparás exemplos de toda esa biodiversidade se percorres os 12 quilómetros de ruta que transita xusto pola beira do río entre os concellos de Mondariz, Mondariz Balneario e Ponteareas.