Neste caso facémosche unha proposta máis descansada porque o camiño non será a pé senón en coche.
A primeira das paradas é no Castro de Troña, parada obrigada para que coñezas un dos principais enclaves da cultura castrexa de Galicia na que namoraraste das vistas e sorprenderaste co bo estado de conservación.
Continúa o teu camiño no Castelo de Sobroso, onde descubrirás os seus dez séculos de historia a través dunha proposta inmersiva con recreación teatralizada sobre o propio castelo, os personaxes que viviron nel como Dona Urraca ou Emilia Pardo Bazán e as batallas que se disputaron entre as familias de Soboroso e Soutomaior.
A ruta continúa noutro dos vestixios máis salientables do noso pasado, o Convento de Canedo unha das xoias do Barroco no noso concello. O que fora un pazo do Conde de Salvaterra rematou sendo un convento franciscano a partir de 1715, con notables peculiaridades na súa construción. Achégate e descóbreas.
Na seguinte parada coñecerás a orixe do nome de Ponteareas. Para iso tes que visitar a Ponte dos Remedios ou tamén coñecida como ponte de Areas, unha das conexións máis importantes da vila coas localidades limítrofes na época medieval. De aí que lle dese nome á vila.
Dende a pote dos Remedios colle a estrada PO-403 para chegar a Guláns e á igrexa de San Pedro, unha das rarezas que temos no noso territorio. É a única en Galicia dentro do estilo románico que ten unha planta de cruz latina cunha nave maior, outra formando un cruceiro e ábsida cuadrangular. Pero non é a única das súas singularidades. Fíxate nos detalles dos canzorros, as figuras con forma de animais, que adorna todo o redor do edificio.
O teu camiño remata na Ponte das Partidas, un dos centros máis importantes de paso da vila, porque dende aí tomábanse os camiños que conducían cara case todas as direccións. É unha das catro pontes romanas que atravesan o río Tea dende o seu nacemento e ata a súa desembocadura no río Tea.
![]() | ![]() | ![]() |
![]() | ![]() | ![]() |