Ponteareas é ... Música

A música está presente en todos os recunchos de Ponteareas. Se das un paseo polas nosas rúas non é raro escoitar os sons dun saxofón, dunha violín ou dunha guitarra saíndo das fiestras das casas. Porque son poucos os que nestas terras non teñen vinculación coa música e non é de estrañar se temos en conta que aquí naceron dous dos compositores máis importantes de Galicia. Rogelio Groba, o compositor galego máis relevante da contemporaneidade e o mestre Reveriano Soutullo, autor do soado pasodobre que bautizou co nome do seu pobo, Ponteareas. Unha peza que supuxo levar a esta vila por medio mundo xa que se inclúe no repertorio de practicamente todas as bandas de música de España e é unha das músicas de referencia da Raíña Isabel II de Inglaterra.

Eles plantaron a semente que xerminou nos numerosos músicos profesionais e afeccionados cos que contamos no municipio e dos que parten festivais que son referencia pola innovación, calidade e variedade. Se che gusta a música e a diversión, temos unha cita para cada mes. Podes gozar dos sons máis clásicos co Festival Groba ou o Concurso de Piano Mestre Soutullo. Se o teu son os sons vangardistas, a experimentación e as músicas do mundo, o Festival de Jazz ou Danzando Entre Culturas, deben ser a túa elección. Se a túa paixón e sentir a música tradicional, o son das gaitas e as melodías tradicionais, marca na axenda o Festival Algazara, o encontro de bandas de música e seráns, o encontro de corais ou o concurso de gaitas do país e se o que che te fai bailar é o máis actual, non podes perderte o Rock in Río Tea ou o Festival Brétemas. Pero, sobre todo, se che gusta a música, vén a Ponteareas porque acertarás.

Rock in Río Tea

O rock, o pop e as músicas máis irreverentes danse cita neste festival que comezou en 2013 da man da asociación Falcón e que chega aos nosos días como un referente da promoción das bandas noveis e de grandes grupos con renome. Un festival que non só é unha fin de semana de música e diversión senón que se prolonga case todo o ano grazas ao concurso de novas bandas, no que participan agrupacións de toda España que compiten sobre o escenario. Unha modalidade de concurso que permite gozar de concertos en directo nas salas ponteareáns ao logo de todo o ano.

Milleiros de persoas achéganse cada verán ao Parque da Feira Vella para participar desta festival que xa é unha cita obrigada no calendario de festivais galegos. A proposta que che fan é ben apetecible: bailar sen parar durante dous días, escoitar boa música en directo, rodeados dun ambiente inmellorable e cunha organización impecable.

Festival Groba

Ponteareas convértese na capital da música clásica no mes de agosto grazas ao Festival Groba. Unha cita de prestixio internacional na que se combina a formación e a interpretación. Masterclass con algúns dos compositores de renome na actualidade, fan que se acheguen músicos non só de Galicia senón tamén de España e de fóra na procura de perfeccionar a súa destreza cos instrumentos.

Pero a esencia desta cita musical é promover o legado de Rogelio Groba e difundir entre a poboación o amor pola música de cámara. En cada edición, estréanse obras inéditas do mestre, o máis prolífico da xeración do 51 en España que suma máis de 700 pezas musicais, que son interpretadas xunto a outros autores referentes da música nacional e internacional.  Virtuosos que enchen os grandes auditorios, chegan unha vez ao ano á nosa vila para deleitarte coa mellor música clásica. Unha cita na que participa a Orquestra de Cámara Galega e na que se afonda na figura do compositor de Guláns que comezou a súa carreira musical no banda “A Unión”, orixinaria do seu lugar de nacemento, da que se converteu en director cando tan só tiña 17 anos. Aí comezou unha traxectoria imparable e prolixa que o converten nun dos grandes nomes da música de cámara.

PONTEAREAS É MÚSICA

Festival de Gaitas do País

A variedade musical é unha das características de Ponteareas e tamén a música tradicional galega conta con gran popularidade entre a cidadanía. Atoparás numerosas agrupacións e bandas de gaitas de gran sona, ademais de tres obradoiros de gaitas do país. Dende finais dos século XIX xa están documentados certames na nosa terra que teñen como protagonista este instrumento. O máis destacado, o Festival de Gaitas do País, que conta con máis de cincuenta edicións, o máis antigo que se celebra en Galicia nesta especialidade e que sitúa ao municipio como o referente na promoción do folclore musical galego.

Este festival é o teu evento ineludible se cada vez que escoitas unha muiñeira comezas a mover os pés. Unha cita organizada polo concello de Ponteareas dende o ano 1966 e que congrega en cada edición aos gaiteiros e gaiteiras, percusionistas e danzantes máis prestixiosos do país.

O son da pandeireta, do pandeiro, a gaita e a zanfona convértense na banda sonora de Ponteareas durante a súa celebración. Un espírito festivo que se transmite á cidadanía e aos visitantes a través da ruada na que desfilan todas as agrupacións participantes. Ducias e ducias de danzantes e músicos que enchen de colorido e música tradicional galega o casco urbano por un día. Un ambiente de festa e alegría que se prolonga ao longo de toda a xornada polos establecementos da zona.

Vídeos

Reproducir vídeo
Reproducir vídeo
Reproducir vídeo
Reproducir vídeo