Pontes

Paseando polos ríos de Ponteareas atoparaste verdadeiros vestixios do pasado como a Ponte das Partidas e dos Remedios. Construcións con milleiros de anos que serviron para unir Ponteareas coas rutas máis coñecidas do traslado de mercadorías. Hoxe en día son algunhas das xoias do noso patrimonio material e inmaterial.

Ponte dos Remedios ou San Roque

A esta ponte podes chegar camiñando dende o casco urbano de Ponteareas. Un refuxio de lecer e ocio no que tamén descansar, xantar ou desfrutar dunha tarde de sol e baño porque aquí tamén atoparás un merendeiro e praia fluvial.

Con máis de cincocentos anos de antigüidade, a tamén chamada ponte de Areas ten un significado moi especial para o concello xa que de aí saíu o nome da vila. Esta ponte formaba parte do antigo camiño real que unía o sur de Galicia coa meseta. A orixinal tivo que ser reconstruída en varias ocasións polas enchentes e desbordamentos. Sitúate a uns cantos metros de distancia e fíxate na estrutura composta por catro arcos, dous deles apuntalados, que foron os orixinarios, e outros dous de medio punto que foron construídos a posteriori. Repara nas marcas de canteiro que presentan o interior dalgúns arcos, unha das peculiaridades desta ponte que a distinguen doutras históricas que foron levantadas sobre o río Tea.

Contemplando o súa estrutura irregular e as marcas nas pedras non terás dificultade para imaxinar os carros cruzando ou as vacas e ovellas esperando mentres o seu dono pagaba a portaxe por cruzala: 8 maravedís unha cabeza de gando e 1 real o carro. Así se recolle na primeira referencia textual que existe sobre a Ponte Vella no ano 1752, onde se informaba sobre a portaxe que tiñan que pagar os veciños e veciñas que querían cruzala ao Conde de Salvaterra e Marqués de Sobroso.

Ponte das Partidas

Para poder pasar por riba deste anaco de historia tes que achegarte á parroquia de Moreira. Alí atoparás a Ponte das Partidas, que formaba parte do camiño medieval que unía o mosteiro da Franqueira con Tui. A ponte, de 41 metros de longo e 4 de ancho, data da Idade Media pero foi reconstruída en distintos momentos, a última vez en 2007. Destaca a súa cantería irregular e os dous arcos apuntados, localizados no medio e flanqueados por outros dous de medio punto.

Son moitas as lendas que se conta arredor desta ponte, entre elas que foi construída polos mouros nunha soa noite ou que no pasado as mulleres que non conseguían ter fillos acudían a ela a media noite para pedirlle ao primeiro camiñante que cruzase que derramase auga do río sobre o seu ventre. Se a muller conseguía ser nai, o viandante tiña que converterse no padriño da cativa ou cativo.