Igrexa de Santo Estevo de Cumiar

É unha igrexa construída no medievo baixo traza románica, aínda que ten experimentado numerosas reformas e modificacións ao longo da súa dilatada historia.

Século XII

A parroquia figura co nome de Cumeal, voz derivada da voz latina culmine (cume, cumio, parte máis elevada dun monte) nun documento do ano 1170 asinado polo rei Fernando II referido á igrexa de Tui. Segundo unha inscrición do tímpano, a igrexa foi construída, probablemente, a finais do século XII (1184 ou 1204, non se sabe con certeza), momento no que formou parte dun mosteiro coñecido como de Santestevao de Cumear, segundo outro documento de 1325. Este convento debeu desaparecer antes do s. XVI. 

O templo sufriu diferentes reformas con posterioridade, unha delas no ano 1805, como indica a rosca dunha das arquivoltas da fachada. Da fábrica románica conserva, no exterior, a portada occidental así como un par de métopas decoradas con motivos florais reutilizadas no muro sur. A portada, que dá acceso a unha nave de planta rectangular, presenta un dobre arco apuntado labrado en aresta viva cun par de arquivoltas que se apoian sobre dous pares de columnas monolíticas. Estas aparecen coroadas por capiteis con motivos vexetais. Os capiteis presentan unha única orde de follas e uns caulículos (as ramas que nacen do interior das follas que adornan o capitel) nas esquinas. 

No interior, o arco triunfal que dá acceso a unha ábsida rectangular –que foi obxecto de reconstrución a mediados do século XX– é de medio punto, con tendencia a ferradura. Apóiase en capiteis moi repicados, un con decoración figurada e outro con decoración vexetal, que descansan sobre semicolumnas apegadas á parede. Na marxe esquerda do meirande arco do templo destaca, embutido no muro, un león de grandes proporcións. Nun dos capiteis deste mesmo arco apréciase o altorrelevo dun home loitando co que parece ser un animal cuadrúpede.

O león, representación de Xesús

O león é un animal totémico para moitas culturas e relixións, entre elas, a cultura cristián europea. Na lóxica medieval, os animais representados en esculturas e pinturas teñen unha serie de propiedades simbólicas inherentes, nuns casos negativas (moucho, ourizo, rato) e noutros, positivas (león, touro, aguia). Por iso este mamífero aparece con tanta frecuencia nos escudos de armas e nas bandeiras. Así acontece tamén na igrexa de Cumiar, onde o león (rei do mundo animal) aparece representado simbolizando a forza, o valor e a maxestade, valores todos eles asociados a Xesús (rei do mundo dos humanos). Este animal, que tamén identifica alegoricamente ao evanxelista San Marcos, iguálase a Xesús nun texto da Apocalipse (5.5): “Non chores, triunfou o león da tribo de Xudá, o fillo de David.” Semella que os atributos do noso león, labrado de forma moi esquemática, foron mutilados coincidindo coa reedificación do templo a causa dun pudor mal entendido.

Igrexa-EstevoCumiar_0000_Capa 4