Neste espazo natural descubrirás os caprichos da natureza. Formas rochosas imposibles con equilibrios propios de construcións artísticas daranche a benvida no Monte da Picaraña. Un monte raso na súa base que se vai enchendo de sobreiras centenarias así como vas avanzando cara o seu cumio, que van resgardando coa súa sombra aos camiñantes.
Se alzas a vista verás dous picos e coroándoos unha cruz monumental dende se pode observar toda a comarca. Por unha banda, Sobroso e o seu castelo e do outro lado, Ponteareas.
No cumio, espérante unha capela que data de 1907 e un viacrucis, que cada mes de maio recibe a visita de numerosos romeiros para celebrar a festa de Santa Cruz.
O lugar está cheo de rutas de sendeirismo e as súas pendentes pronunciadas convérteno nun punto de encontro para os amantes da bicicleta de montaña e o enduro.
Pero o monte da Picaraña tamén é conto e fábula. As súas rochas e corticeiras contan historias daqueles que a habitaron noutro tempo. Como as lendas da filla de Pedro Madruga, que escapaba polas noites do castelo de Sobroso a través dun túnel que chegaba a Picaraña para atoparse co seu namorado. Uns encontros que foron descubertos polo seu pai que encerrou ao fidalgo de por vida no alxube do castelo.
