Parque Forestal San Cibrán-Os Muíños de Couso

Se queres pasar un bo día gozando da natureza, nun entorno rodeado só de vexetación e respirando aire fresco e puro, a túa opción é o Parque Forestal San Cibrán. Máis de 165 hectáreas de superficie deseñadas para realizar actividades culturais, deportivas e recreativas.

Un sitio perfecto para que desconectes da rutina diaria e onde as cativas e os cativos terán espazo para correr, xogar e descubrir a riqueza da nosa biodiversidade. Castiñeiros, carballos e outras árbores autóctonas enchen de cor os outonos deste parque forestal de alto valor paisaxístico e que dá acceso a San Cibrán ou ao paseo polos Muíños, unha ruta máxica que merece a pena coñecer.

Son moitas as sendas que pasan polo Parque Forestal San Cibrán e todas elas levarante por un bosque frondoso, rico en biodiversidade e con moitos segredos por descubrir pero aproveita para percorrer a ruta dos Muíños de Couso, dous quilómetros de camiño, no que te mergullarás nun dos vestixios etnográficos mellor conservados de Galicia. Seis muíños hidráulicos en perfecto estado de conservación e coa peculiaridade de contar cun dos poucos muíños con roda de madeira vertical. Sinte o frescor da caída da auga pola pendente, a natureza salvaxe que se fai oco entre os muíños e o frescor que emana do leito do río que noutra hora foi moito máis caudaloso.

Contempla con detalle cada unha das construcións porque aínda que parezan iguais cada unha ten as súas peculiaridades. Con máis de douscentos anos de antigüidade son un vestixio do noso pasado porque neles os nos antepasados non só moían gran senón que se reunían, falaban, atopábanse con xentes doutros pobos e cantaban, comían e bebían, ademais de traballar. Sinte a pegada do seu traballo nas moas dos muíños lambidas polo moito roce, empápate do recendo a fariña e a gran porque aínda se percibe no interior dos muíños e fíxate na canalización e sistema hidráulico que empregaban.