Senda do Río Tea

Duración

2 horas

Lonxitude

17 Km.

Ruta

Lineal

Dificultade

Baixa

Un baño de natureza é a senda do río Tea. Unha ruta na que gozarás pola variedade da súa paisaxe e a biodiversidade que habita nos seus redores. O camiño comeza na ponte dos Remedios e finaliza noutro dos exemplos do románico que atoparás ao longo do seu leito, a Ponte da Fillaboa, no concello de Salvaterra do Miño.

O percorrido non presenta dificultades e é apto para grandes e pequenos. Conta, ademais, con pasarelas de madeira que facilitan o paso nas zonas de desnivel máis pronunciado. Paseniño, sen présa e parándote a observar os amieiros, salgueiros e abeleiras que crecen nas beiras do río, continúa o teu camiño co recendo dos narcisos e dos fentos e o cantar dos merlos e lavandeiras.

Para encherte de enerxía e gozar deste ecosistema recoñecido como Lugar de Interese Comunitario, tes varias praias fluviais e áreas recreativas ao teu paso.

Ponte medieval dos Remedios
Ponte medieval de Fillaboa